01 noviembre 2009

Colleitarás a túa sementeira

Colleitarás a túa sementeira PDF Imprimir Correo-e
Bernardo Veksler   
05-09-2006
O drama da imigración africana a España. Europa sofre a consecuencia dun continente esnaquizado polas multinacionais.
[Traducido de ARGENPRESS.info por altermundo.org]
... Son pobres que non teñen nada de nada.
Non entendín moi ben
se nada que vender ou nada que perder,
pero polo que parece
ten vostede algunha cousa que lles pertence.
Joan Manuel Serrat
A afluencia de inmigrantes africanos a España non deixa de medrar, só no último mes os que pisaron terra hispana superaroncon moito aos que o fixeron durante todo 2005. Ata o 29 de agosto pasado arribaran ás illas Canarias 19.035 inmigrantes africanos, un promedio diario de 656 persoas. Son os que teñen éxito no seu obxectivo de acadar a ansiada "terra de promisión", decenas de miles dos seus colegas transitan por portos e praias buscando unha oportunidade para saltar a Europa ou quedan no camiño atravesando desertos, devorados polas alimañas ou engrosan os cadaleitos sen nome dos náufragos.
Na súa comparecencia no Congreso dos Deputados o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, asegurou que 52.757 persoas foron repatriadas con destino preferencial a Marrocos, Alxeria, Malí, Nixeria, Senegal e Guinea Bissau. Informou tamén que a policía encargada deses menesteres pasou de 1.403 a 2.239 efectivos e que os acordos con Marrocos frustraron o intento de alcanzar costas españolas doutros catro mil africanos.
En poucos meses a presión trasladouse de Ceuta e Melilla cara a Mauritania primeiro e a Senegal despois. Onde, segundo unha denuncia das autoridades da Comunidade Canaria, existen unhas 15 mil embarcacións (caiucos) dispostas para emprender o cruzamento marítimo cara ao arquipélago.
Os redutos españois do norte africano foron acosados por miles de desesperados dispostos a desafiar aos machetes e fusís das forzas represivas hispano marroquíes que cobraron vítimas sen compaixón, ás púas coitelo e valados de seis metros de altura, co obxectivo de que un salto triunfal os deposite en territorio español.
Esta afluencia migratoria foi tolerada en primeira instancia polo totalitarismo marroquí como unha forma de chantaxear á Unión Europea. Unha vez que obtiveron as ansiadas prebendas desatouse unha salvaxe persecución e se chegou a abandonar no Sahara no máis cruel desamparo a centos de frustrados inmigrantes, sen que se conmovese la "sensibilidade" dos gobernantes europeos.
Así vanse desprazando os improvisados portos de partida sen que desaparezan as verdadeiras causas do fenómeno que medra a pasos axigantados: a formidábel presión expulsiva da sociedade africana que promove as vías máis patéticas e tráxicas de fuxida.
Percorrendo miles de quilómetros ata arribar á costa trampolín; investindo miles de euros de aforro familiar; saltando valados, muros ou alambradas de espiño; en fráxiles pateras ou caiucos; soportando vendavais, fame e amoreamento decenas de miles de mozos e mozas africanos propóñense vencer ao sen futuro e á morte.
Repiten as anónimas peripecias dos primeiros humanos que saíron do seu berce africano a poboar o mundo. A eles impulsábanos tamén a procura de mellores perspectivas, pero as causas eran moi distintas. Mentres eses homes primitivos eran empurrados por causas naturais, os emigrantes de hoxe son motorizados pola paradoxal conxunción das enormes riquezas existentes e o inescrupuloso desenfreo que xera a súa apropiación.
Unha negra historia
O primeiro baldeiramento a que foi sometido o continente foi o dos seus homes e mulleres para ser escravizados. Millóns deles foron cazados como animais, transportados en lixosas adegas e condenados a ser man de obra de balde para o aprovisionamento de materias primas americanas para a nacente industria. Cos recursos obtidos neste infame negocio construíronse os grandes camiño de ferro ingleses do Oeste e naceron industrias como a fábrica de lousas en Gales. O capital acumulado no comercio de manufacturas, escravos e azucre fixo de fogoneiro da Revolución Industrial.
Tempo despois, o reparto do mundo que procuraron as potencias europeas fixeron do continente africano un territorio de fecundo coloniaxe. En 1879 declarouse ao Congo como propiedade do rei de Bélxica grazas a unha matanza de millleiros de africanos. A partir de entón, case non quedou territorio que non fose colonia europea repetindo similares derramamentos de sangue nativa.
A poxa por apropiarse das súas abundantes riquezas foi persistente. Francia invadiu Alxeria, Tunisia e Marrocos e apropiouse de Mauritania, Níxer, Costa de Marfil e Africa Ecuatorial. Gran Bretaña fíxose con Exipto, Sudán, Kenya, Serra Leoa e Suráfrica. Alemaña con Camerún, Africa Oriental e do Suroeste Africano (dominios logo repartidos entre Francia e o Reino Unido). Italia quedouse con Libia, Eritrea e Somalia. Portugal con Angola, Mozambique e Guinea Bissau. España con parte de Marrocos, Sahara e Guinea.
A aspiradora capitalista non só extraía os cuantiosos recursos do continente senón que inducía aos conflitos étnicos para consolidar o seu hexemonía e expoliación, destruía as tradicionais economías autosuficentes e na súa imposición de fronteiras artificiais fraccionaba comunidades ancestrais. Así estalaron conflitos e fames grandes que asolaron coma nunca á rexión.
Madeira, caucho, marfil, ouro, diamantes, petróleo, gas, uranio foron e son as principais riquezas que xeraron contradictoriamente que millóns de africanos sexan condenados á miseria máis absoluta.
O proceso de liberación das colonias desenvolvido a mediados do século XX, a pesares do paso adiante que significou e das expectativas populares que xerou, non produciu cambios significativos nas condicións de vida da poboación, todo o contrario. A expoliación dos recursos continuou agora a través dos sutís mecanismos das relacións comerciais internacionais, os investimentos das multinacionais e os mecanismos crediticios dos organismos multilaterales.
Nese proceso incorpórase Estados Unidos ao escenario africano con intencións de tamén mollar o pan na caldeirada. Os hidrocarburos son o seu principal interese e así o afirma Walter Kansteiner –subsecretario de Estado para asuntos africanos– "O petróleo africano é de interese estratéxico nacional para nós e o será máis aínda no futuro" (The Time, 29-7-02). Angola, Sudán e o Congo son os principais produtores de petróleo, pero outros lugares do sufrido continente (Etiopía, Benín, Togo, Nixeria, Namibia) contan con importantes reservas que ratifican ao funcionario norteamericano.
Estas incursións europeas e norteamericanas provocan maiores rozamentos entre os sectores das burguesías nativas que se aferraban ao Estado como única posibilidade de gozar das frangullas que deixan os capitais estranxeiros, derivando en crueis enfrontamentos e prolongadas guerras civís onde se cruzan aliñamentos étnicos que incitan a rivalidades e matanzas. Costa de Marfil, Uganda, Congo, Nixeria, Etiopía (onde o descubrimento de reservas petroleiras produciu o desprazamento forzoso da etnia anuak, ocasionando miles de mortos e refuxiados) son algúns dos sitios mencionados esporadicamente nos medios de comunicación do mundo polos cruentos enfrontamentos froito de "incomprensíbeis" guerras de exterminio.
Aos enfrontamentos fraticidas sucédenlle sanguentas ditaduras que pretenden consolidarse no poder varrendo a todo vestixio opositor. Outro factor que distorsiona máis aínda a caótica situación é a incursión de "forzas pacificadoras" que interveñen para protexer os intereses das corporacións empresarias e aos seus aliados nativos.
Estes vencellamentos e intereses creados procrean unha corrupción xeralizada en todas as esferas do poder que non só prosperan coas porcentaxes que xenerosamente achegaban as corporacións empresarias senón que tamén se apropian das cuantiosas axudas humanitarias enviadas por organismos vencellados ás Nacións Unidas, por gobernos europeos e ONG.
Encheuse de pobres o recibidor
Os escuálidos debates que se desenvolven en Europa ante a magnitude do drama africano eluden as profundas causas do fenómeno migratorio mencionadas máis enriba. O vello continente tivo unha directa responsabilidade e protagonismo coa terra arrasada en que quedou convertida Africa. Durante séculos os africanos achegaron o seu sangue, os seus recursos e o seu traballo como ofrenda á prosperidade de Occidente. Os gobernantes europeos e norteamericanos pactaron e alentaron a ditadores e políticos corruptos co obxecto de calaren rebeldías e esmagar aos dirixentes comprometidos coas causas populares. Pouco importou a moralidade e o respecto polos dereitos humanos mentres os arcaces das súas ganancias estivesen ben abastecidas.
É tan contundente o desastre provocado que se chega a mencionar un Plan Marshall de parte das autoridades da Unión Europea, un Plan Africa de parte do goberno español e ata o primeiro ministro británico Tony Blair tivo unha súbita inquietude por axudar aos africanos que contou cun non menos abraiante apoio de George Bush.
Máis aló destes lumes de artificio, que evidencian a necesidade de recorrer a algunha argumentación máis solvente que a do garrote, as forzas desatadas non deixan de exercer presión sobre as fronteiras e como un poderoso torrente que desactiva os obstáculos que se erixen no seu camiño e atopa novas vías para persistir no intento.
Os que se deciden a emprender semellante periplo deixan por unha banda a unha sociedade que non lles ofrece expectativas de progreso e realización, pero tamén xeran un baldeiramento dos mellores expoñentes, os máis capacitados e emprendedores, dificultando as posibilidades dun desenvolvemento futuro.
Dispóñense a acceder aos suburbios da prosperidade, converterse en vendedores ambulantes nas cidades españolas, traballadores anduriña ou clandestinos xornaleiros a baixo custe; vivir en amoreados departamentos, en tendas de campaña ou en refuxios colectivos. Malia esta degradante realidade que os acolle constitúe unha mellor opción que as que ofrecen as miserábeis condicións de vida dos seus lugares de orixe.
Polo menos pisando terra europea teñen a posibilidade de soñar cun futuro mellor.•

No hay comentarios:

Publicar un comentario